Quiroga Palacios 2 A
15703 Santiago de Compostela
Teléfono 981 563 035

Oración | Día do Seminario | Xornada Mundial
Oración do apóstolo (S. XIV)
 
Cristo, non tes mans,
tes só as nosas mans
para construír un mundo novo
onde habite a xustiza.

Cristo, non tes pés,
tes só os nosos pés
para poñer en marcha aos homes
polo camiño da liberdade.

Cristo, non tes labios,
tes só os nosos labios
para proclamar ao mundo a
Boa Nova do teu Evanxeo.

Cristo, non tes medios,
tes só os nosos medios
para lograr que todos
os homes sexamos irmáns.
 

 

Salmo do home aberto á vontade de Deus

 
 
Hoxe, Señor,
preséntome diante de ti
con todo o que son e teño.
Acudo a ti como persoa sedenta,
necesitada...
 
Porque sei que en ti
hei encontrar resposta.
Sinto que non podo vivir
coa dúbida todo o tempo
e que se achega o momento
de tomar unha decisión.
 
Desexo poñerme diante de ti
cun corazón aberto
coma o de María,
cos ollos fixos en ti
agardando que me dirixas a túa Palabra.

Desexo poñerme diante de ti
coma Abraham,
co corazón cheo de esperanza,
poñendo a miña vida nas túas mans.

Desexo poñerme diante de ti
coma Samuel,
cos oídos e o corazón
dispostos a escoitar a túa vontade.
 
Aquí me tes, Señor,
cun desexo profundo
de coñecer os teus designios.

Quixera ter a seguridade
de saber o que me pides neste momento;
quixera que me falases claramente,
coma a Samuel.

Moitas veces
vivo na eterna dúbida.
Vivo entre dúas forzas opostas
que me provocan indecisión
e no medio de todo
non remato de ver claro.
 
Sácame, Señor,
desta confusión en que vivo.
Quero saber con certeza
o camiño que teño que seguir.

Quero entrar dentro de min mesmo
e atopar a forza suficiente
para darche unha resposta
sen escusas, sen pretextos.

Quero perder tantos medos
que me impiden ver claro
o proxecto de vida
que poidas ter sobre min.
 
¿Que queres de min, Señor?
¡Respóndeme!
¿Queres que sexa un discípulo teu
para anunciarte no medio deste mundo?
Señor, ¿que esperas de min?
¿por que eu e non outro?
¿Como ter a seguridade
de que é este o meu camiño e non outro?
 
No medio deste enxame de dúbidas
quero que saibas, Señor,
que farei o que me pidas.
Se me queres para anunciar o teu Reino,
conta comigo, Señor.

Se necesitas a miña colaboración
para levar a todas as persoas
coas que me atope cara a ti,
conta comigo, Señor.
 
Se me chamas a ser testemuña túa
dunha forma máis radical
coma sacerdote no medio dos homes,
conta comigo, Señor.

E se estás con desexos
de dirixir a túa Palabra aos meu oídos
e ao meu corazón,
fala, Señor, que o teu servo escoita.